Habemos ser...

Hosting Social Saramaganta

"E ti, de quén ves sendo?":

    Hosting: en galego "Aloxamento Web", é un servizo telemático que proporciona ás usuarias un sistema para gardar, transferir ou procesar información dixital atraverso da web.
    Social: relativo ou pertencente á sociedade ou a un grupo ben definido de individuos. Por extensión, un movemento social é unha agrupación de individuos ou organizacións adicadas a diversos ámbitos do político-social-económico-afectivo que teñen como finalidade a modificación sustancial do status quo dominante.
    Saramaganta: píntega rabilonga ou salamántiga galega, é unha especie de anfibio urodelo endémica do Noroeste Castrexo (Galiza, Asturies, Berzo e Norte de Portugal), o animal totémico do noso proxecto.

Saramaganta nace no ano 2006, herdeira das experiencias levadas a cabo anteriormente polo Hacklab do mítico CSOA da Casa Encantada en Compostela, fornecendo servizos telemáticos e recursos online para os colectivos sociais galegos e persoas individuais que precisaban dun uso de ferramentas dixitais confiable, antagonista e diferenciado das prácticas antisociais das grandes corporacións.

Dende o 2017 o proxecto telemático Saramaganta pasou a formar parte do padroado de Sen Esquencer, quedando integrado no patrimonio inmaterial da Fundación. A intención é dotar ao proxecto dunha estabilidade económica e xurídica que permita unha mellor xestión, robustez instrumental e unha patrimonialización do esforzo humano realizado durante todos estes anos. Con sede social no Val do Dubra, a Fundación Sen Esquencer é unha entidade de ámbito galego declarada oficialmente de interese público. A Fundación ten como obxectos de actuación principais a igualdade, a inclusión social e a protección da biodiversidade, do entorno natural e do patrimonio cultural galego, centrándoos nunha perspectiva de loita contra a exclusión social por medio da integración colectiva e do fomento do apoio mutuo.