Pois porque..

"Dous cás contra un lobo, cómeno todo!"

Como traballadoras, activistas, internautas e partícipes dos movementos sociais galegos tamén na Rede, sabemos que o modelo económico imperante na Internet repite o do mundo real e a mais das veces consiste en externalizar eses custos nas propias usuarias e nos seus entornos, fundamentalmente obtendo información radiográfica dos nosos hábitos de navegación, en ocasións co simple fin de criar publicidade específica e personalizada dirixida a facernos consumir calquera cousa, pero mais especificamente porque o rendemento monetario e político do control e coñecemento das dinámicas sociais é claramente estratéxico nunha economía do capital. De ahí que as grandes multinacionais do sector telemático ofrezan servizos "sen custo económico" aparente. A decir verdade, a perdida da nosa privacidade e da xestión consciente dos nosos propios datos é un custo a pagar claramente excesivo.

Fronte a todo o anterior a nós parécenos vital a pervivencia de proxectos colectivos autónomos e comunitariamente comprometidos como Saramaganta. Proxectos autoxestionados que desafíen dende os propios movementos sociais o modelo de vixilancia e control telemático global e que deixen fóra do incesante mapeo das análises corporativas a extensas áreas da sociedade para garantir unha comunicación social en rede independente e relativamente anónima e segura.

E en base a estas consideracións, elaboramos un decálogo que posiciona a nosa perspectiva:

  1. Os nosos servizos e comunicacións son fornecidos en galego; esa é a nosa lingua vehicular.
  2. O noso compromiso mantense en empregar sempre que sexa posible Software Libre en todolos nosos servizos.
  3. Non temos intereses comerciais e o noso posicionamento é claramente anticapitalista.
  4. Tomámonos moi en serio a privacidade das nosas usuarias, porque sen privacidade non hai liberdade. Non entregamos voluntariamente datos de ningunha clase a terceiros.
  5. Conectado co punto anterior: procuramos protexer os datos que mantemos baixo estritas medidas de seguridade. Sempre que é posible empregamos métodos de cifrado robusto. Con todo, consideramos que a integridade dos datos dunha usuaria son tamén responsabilidade súa.
  6. Desaconsellamos empregar medios dependentes de corporacións comunicativas xunto cos nosos servizos. Se es d[a,o]s que non se preocupan por ser axexado e tes contas en gmail, hotmail, yahoo, instagram, facebook, twitter, whatsapp, etc. poderás empregar sen garantía os nosos servizos xunto cos seus, pero ten en conta que nin nós somos gratos para eles nin viceversa, así que pode que te vexas na obriga de escoller. Se sirve para decantarte nalgún sentido, ten en conta que as túas escollas a este nivel poden comprometer a aqueles cos que te comunicas.
  7. Apoiamos o uso de redes libres alternativas e descentralizadas: GNUSocial, Pump.io, Diáspora*, Freenet, ZeroNet, Rede Imaxinaria...
  8. Na procura da eficiencia e coñecidos os nosos límites, orientamos o deseño das nosas ferramentas dende unha perspectiva minimalista: facer poucas cousas pero facelas ben. Menos é máis.
  9. Nas vésperas do colapso enerxético e civilizatorio, procuramos ter prácticas sustentables e minimizar gastos innecesarios de consumo enerxético e de transmisión de datos. Procura ser responsable co uso dos servizos que xestionas en Saramaganta.
  10. Para nós e moi importante a realimentación coa usuaria: se parecemos distantes é só porque estamos moi ocupadas. Necesitamos que nos saques da pantalla e fales connosco!!

Estes son pois os principios que mantemos; se non che gustan, outros non temos.